O CB Breogán dedica o encontro co Barcelona a reclamar fondos para investigación da enfermidade de Dent

O CB Breogán dedica o encontro co Barcelona a reclamar fondos para investigación da enfermidade de Dent

O CB Breogán dedicará o encontro do vindeiro domingo no Pazo dos Deportes (Breogán-Barcelona, 17.00 horas) a visibilizar a labor da Asociación Galega da Enfermidade de Dent. A iniciativa presentouse esta mañá no Pazo de San Marcos nun acto no que participaron o deputado de Deportes, Efrén Castro, o director xeral do Breogán, Tito Díaz, e a vicepresidenta da Asociación Galega da Enfermidade de Dent, Beatriz Veiga.

 

No marco desta iniciativa, o club celeste empregará os seus perfís en redes sociais para visibilizar a labor da entidade, que centra os seus esforzos en reclamar  fondos para a investigación desta  enfermidade xenética, que afecta aos rís e que condiciona o desenvolvemento e crecemento dos nenos que a padecen.

A asociación ven desenvolvendo outras actividades para reclamar a atención sobre esta patoloxía con intervencións artísticas como o mural de Rosalía de Castro que loce na fachada dun edificio na rúa San Roque de Lugo. O partido solidario dalles un altofalante máis para sensibilizar sobre a importancia da investigación científica, concretamente, do traballo que se está a desenvolver en relación coa enfermidade de Dent no laboratorio de xenética de enfermidade renais NefroChus, ubicado en Santiago de Compostela.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

Ver noticia