
13 Jun Bertamiráns acolle o IV Fest For Dent, un festival solidario para impulsar a investigación da enfermidade de Dent
O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, será o escenario da cuarta edición do Fest For Dent, un festival solidario que se celebrará o vindeiro sábado 21 de xuño a partir das 17:00 horas, coa finalidade de recaudar fondos para a investigación da enfermidade de Dent, unha doenza renal rara que afecta principalmente a nenos e que, a día de hoxe, non ten cura.
O festival, organizado pola asociación Art for Dent, en colaboración con Culturactiva, varios establecementos hostaleiros e os Concellos de Ames e Brión, contará con actuacións gratuítas de Paco Nogueiras, o Mago Iván, Tambukada, Son Elas, Retranqueiriños, Mary Iglesias, As Maianas e Dos Hombres y Tercio, e estará presentado por Leti da Taberna.
Ademais das actuacións musicais e de maxia, haberá un mural colaborativo en directo coa artista plástica Llou Insidias, así como actividades infantís entre as 17:00 e as 20:30 horas grazas á colaboración da empresa Biosbardos Animación. O evento tamén contará con cantina solidaria e rifas con premios doados por locais de hostalaría de Ames e Brión. A recadación destinarase integramente á liña de investigación que se desenvolve no Nefrochus, o laboratorio de xenética do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).
“Berta Tapeo solidario”: tapas con causa do 13 ao 20 de xuño
Como novidade desta edición, ponse en marcha o “Berta Tapeo solidario”, unha iniciativa gastronómica que se desenvolverá entre os días 13 e 20 de xuño en catro establecementos de Bertamiráns: Onde Keiras, Street Garden, Sicilia in Bocca e Petiscos. Cada un ofrecerá unha tapa solidaria a 2,50 euros, e o importe recadado será destinado á investigación da enfermidade de Dent. O horario será de 12:30 a 14:30 e de 20:30 a 22:00 horas.
Un compromiso colectivo que medra
Na presentación do festival, celebrada hoxe no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, participaron os alcaldes Blas García (Ames) e Pablo Lago (Brión), xunto cos cofundadores de Art for Dent, María Castelao e Fernando Yáñez, e representantes dos establecementos e entidades colaboradoras.
A cofundadora de Art for Dent, María Castelao, agradeceu a solidariedade de artistas, empresas e institucións:
“Ningún dos grupos cobra, todo o recadado coas consumicións e as rifas vai para a investigación. Queremos dar as grazas tamén a Vizoso, cuxo cartel do 2023 seguimos a empregar nesta edición como homenaxe a unha persoa moi solidaria co noso proxecto”.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que “a solidariedade non entende de fronteiras municipais, e este festival é unha mostra de unión entre Ames e Brión”. O seu homólogo de Brión, Pablo Lago, incidiu en que “é importante implicarse nestas causas antes de que nos toquen de preto. Hoxe colaboramos coa familia de María e Fernando, pero mañá podería ser calquera das nosas”.
Un festival que naceu da arte e continúa facendo comunidade
A Asociación Art for Dent naceu en maio de 2021, impulsada por familias galegas e asturianas con fillos afectados por esta enfermidade rara. Desde entón, traballan por dar visibilidade á doenza e apoiar economicamente a súa investigación. A través da súa páxina web, poden realizarse doazóns, compras solidarias ou asociarse.
A edición deste ano tamén contou cun concerto previo do artista Abraham Cupeiro, celebrado o pasado 30 de maio no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, que recaudou 4.500 euros.