30 Abr As rúas de Padrón contan con novas papeleiras fabricadas con tapóns solidarios de Art for Dent
O alcalde Anxo Arca e a concelleira Ana Castro presentaron os novos colectores que buscan dar visibilidade á enfermidade de Dent, axudar á investigación e transformar o plástico nun obxecto sostible para a propia vila
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Urbanismo, Ana Belén Castro, asistiron este luns 29 abril á presentación das novas papeleiras realizadas en colaboración con Art for Dent.
Xunto a Ana Isabel Lapido, de Netcycle, e a María Castelao, de Art for Dent, percorreron as rúas da vila nas que se colocaron as papeleiras realizadas cos tapóns que recolleu a asociación na Escravitude.
O actual grupo de goberno do Concello de Padrón involucrouse nesta campaña coa finalidade de dar un paso máis e transformar o plástico nun obxecto sostible para a propia vila, un propósito que acadou coa fabricación destes colectores na empresa Netcycle situada en A Pobra do Caramiñal.
Coa colocación destas papeleiras, ademais de contribuír á reciclaxe e ao coidado do medio ambiente, dáselle visibilidade á enfermidade de Dent e convertese o material de plástico en doazón para a investigación no centro Nefrochus, do Hospital Clínico de Santiago.
A campaña de doazón de tapóns iniciouse a raíz do diagnóstico de Hugo coa enfermidade de Dent en decembro de 2019. A veciñanza participou activamente na chamada para axudar ao xogador de fútbol da Escravitude, e o Novo Campo do Doce focalizou a recollida do material chegado de diferentes puntos de Galicia.