21 May Abraham Cupeiro protagoniza un concerto solidario en Ames como antesala do Fest for Dent 2025
Este xoves 22 de maio, ás 12:00 h, a Sala de Plenos do Concello de Ames acollerá a presentación oficial do concerto solidario que ofrecerá o músico Abraham Cupeiro como antesala do Fest for Dent 2025. O evento, que terá lugar o 30 de maio no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, xa conta coas entradas practicamente esgotadas. A totalidade da recadación destinarase á investigación da enfermidade de Dent, unha doenza minoritaria que afecta aos riles e que, a día de hoxe, non ten cura.
O Fest for Dent celebrarase o 21 de xuño no Parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e contará coa colaboración dos Concellos de Ames e Brión, así como co apoio doutras entidades e patrocinadores como XEA (Empresarios de Ames), Onde Keiras, Biosbardos, entre outros.
Durante a presentación oficial deste xoves estarán presentes os alcaldes de Ames e Brión, a humorista Leti da Taberna —que tamén actuará no festival—, Manuel e Fran Rei en representación de Onde Keiras e Cultura Activa, a presidenta da asociación Art for Dent —impulsora da iniciativa— e membros da asociación XEA.
O Fest for Dent 2025 ofrecerá unha xornada chea de música, teatro, arte, gastronomía e, sobre todo, solidariedade. A partir das 17:00 h e ata as 00:00 h, o recinto do Ameneiral converterase nun espazo para todos os públicos, cunha ampla programación que incluirá sorteos con rifas dispoñibles en diversos establecementos de Ames e Brión. O cartel completo do festival irase revelando a través das redes sociais de @artfordent.
Desde a organización fan un chamamento á veciñanza, entidades e medios de comunicación para asistir á presentación e sumarse a esta causa solidaria, que busca dar visibilidade e apoio á investigación dunha enfermidade pouco coñecida, pero que precisa atención urxente.