A asociación Art for Dent promove un novo mural solidario de Rosalía de Castro en Brión

A asociación Art for Dent promove un novo mural solidario de Rosalía de Castro en Brión

A obra está localizada na instalación da piscina municipal de Bastavales e súmase ás outras sete creacións da entidade distribuídas por diferentes localizacións galegas

O Concello de Brión expresou, unha vez máis, o seu compromiso coa enfermidade de Dent, unha das doenzas denominadas como ultra raras. Desta volta, a mostra solidaria veu coa creación dun novo mural promovido pola asociación Art for Dent, un proxecto creado en 2020 e que ten como como obxectivo principal dar visibilidade a esta enfermidade.

Esta obra recén estreada forma parte da iniciativa “aDentrArte”e foi realizada por Fernando Yáñez, pai de Hugo, o neno afectado coa enfermidade de Dent en Brión e un dos membros fundadores da entidade Art for Dent, xunto coa nai do cativo, María Castelao. O mural conta coa imaxe de Rosalía de Castro, xa habitual nas creacións de Yáñez, vestindo a camiseta solidaria “Mamá”, comercializada pola empresa Reizentolo, estreitamente ligada á iniciativa sen ánimo de lucro.

Ademais, o proxecto está localizado nas instalacións da piscina municipal de Bastavales, parroquia que inspirou á ilustre poeta na súa obra Cantares Gallegos e, súmase así, aos outros sete murais realizados de xeito totalmente solidario, distribuídos por diferentes lugares da Comunidade galega, como PadrónLugo ou Santiago.

Á presentación desta nova obra acudiron membros da corporación municipal, entre eles o alcalde de Brión, Pablo Lagoos pais de Hugo e membros da asociación Art for Dent, Fernando Yáñez e María Castelao, e tamén representantes das empresas que donan recursos para a realización das obras.

Iniciativas que visibilizan unha enfermidade ‘ultra rara’

enfermidade Dent é unha mutación xenética do cromosoma X, polo que todos as persoas que a padecen son varóns. As mulleres poden ser portadoras da enfermidade pero non verse afectadas por ela polo feito de ter dous cromosomas X, xa que se equilibra un co outro. De feito, a nai de Hugo, é portadora da enfermidade pero non a padece.

En Galicia, a día de hoxe, só hai diagnosticadas unha decena de persoas con esta doenza que afecta, entre outros órganos, aos rils, facendo que estes deixen de cumprir correctamente a súa función.

Os pais de Hugo, o neno con Dent de Brión, comezaron a facer estas iniciativas –que non contan con contraprestación económica por parte dos concellos– na época do confinamento, xa que o rapaz foi diagnosticado en decembro de 2019. Os fondos recadados coas súas actividades están destinadas para o proxecto de investigación da enfermidade de Dent no departamento de investigación do Hospital Clínico de Santiago.

 

ler noticia