09 May Un bus urbano en Lugo para visibilizar a enfermidade de Dent
Unha iniciativa solidaria 100% proposta por ACV Publicidad e Monbus á asociación galega da enfermidade de Dent para colaborar coa súa visibilidade.
Na tarde do mércores 8 de maio reuníronse en Lugo, Rubén Arroxo (Teniente Alcalde del Ayuntamiento de Lugo), Cristina López (Concelleira de participación e servios para a veciñanza), Olga Rodríguez Santalices (Delegada de Galicia da empresa ACV Publicidad e José Ramón Vidal Mouriz, representante de Monbus con Beatriz Veiga (vicepresidenta de Art for Dent, asociación galega da enfermidade de Dent) e Enzo, o seu pequeno de 6 anos que padece a enfermidade e o único caso diagnosticado na provincia de Lugo.
Reuníronse ao carón dun autobús urbano da empresa Monbus, que desde esta semana circula pola cidade de Lugo coa traseira destinada a apoiar a visibilidade da enfermidade de Dent, unha doenza moi minoritaria, que afecta gravemente ós riles, e que afecta aproximadamente a 10 persoas en Galicia.
Coa imaxe protagonizada por un ollo de Enzo, esta publicidade pretende informar da gravidade desta enfermidade e da necesidade de conseguir fondos para poder seguir apoiando a investigación que teñen en marcha no NefroChus, no laboratorio de Xenética de enfermidades renais no IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria De Santiago de Compostela).
Desde a asociación comentan que: “agradecemos infinitamente o apoio de todos os implicados nesta iniciativa solidaria, tanto á empresa ACV Publicidad, tamén á empresa que fixo a producción dos vinilos de xeito solidario, NovoNeón, á empresa Monbus por ceder este autobús e tamén ó Concello de Lugo”, “somos unha asociación moi pequeñina, que precisa de moito apoio e visibilidade para poder acadar algo e poder seguir financiando este proxecto de investigación en marcha no Nefrochus”.