15 Nov Tres murais de gran formato embelecerán Ribeira no marco do proxecto Salmoira
Tres murais de gran formato pasarán a formar parte da paisaxe de Ribeira trala posta en marcha do Festival de Muralismo Salmoira. Nesta primeira edición, tres artistas deixarán a súa pegada en fachadas da rúa de Galicia, Abesadas e Bandourrío.
Tomando como exemplo outras vilas galegas e co dobre obxectivo de potenciar a arte urbana e embelecer espazos degradados, o concello de Ribeira vén de poñer en marcha o proxecto de muralismo Salmoira.
Nesta primeira edición participan tres artistas. Entre eles, Fernando Yáñez, cunha homenaxe ó xenial Manuel Ayaso, fillo predilecto de Ribeira.
Raquel Germade está a traballar no barrio das Abesadas cunha intervención sobre as Heroínas de Sálvora mentres que Novenoel iniciará o seu mural en Bandourrío nas próximas semanas.
O proxecto nace con vocación de futuro polo que o concello tentará darlle continuidade con novas edicións e deseñar un programa de actividades en torno ó festival.