Os restaurantes do Grupo Nove expoñen os cadros da iniciativa solidaria Art for Dent

Os restaurantes do Grupo Nove expoñen os cadros da iniciativa solidaria Art for Dent

VER NOTICIA

Hugo, de 8 anos, pinta cadros coma este. En 2019 diagnosticáronlle a enfermidade de Dent, unha doenza xenética que afecta gravemente o funcionamento dos riles e que só sofren 250 persoas en todo o mundo.

«En Galicia, que teñamos constancia, son nove nenos e na asociación están seis. É unha mutación xenética no cromosoma X que afecta gravemente os riles», explica María Castelao, representante de Art For Dent.

A día de hoxe a doenza non ten cura nin tratamento. O principal obxectivo da asociación é conseguir fondos para apoiar os dous grupos que investigan a doenza.

«Hai unha investigación funcionando no hospital Vall d’Hebron de Barcelona e nós desde a asociación galega da enfermidade o que queremos é impulsar unha nova investigación no NefroChus, que é un laboratorio de xenética de enfermidades renais en Compostela», explica María Castelao.

Os cadros de Hugo están expostos en 17 restaurantes que forman parte do Grupo Nove, entre eles o Culler de Pau, o único en Galicia con dúas estrelas Michelín.

«O máis importante é darlle visibilidade á enfermidade de Dent e que se cumpra a prioridade que ten a sociedade, que é a investigación», comenta o cociñeiro Javier Olleros.

Os cadros que se expoñen non están á venda, pero si camisetas coma estas, coas que pretenden recadar fondos para seguir impulsando a investigación.