Kiko da Silva organiza unha poxa solidaria de ilustracións e carteis a favor da investigación da enfermidade de Dent

Kiko da Silva organiza unha poxa solidaria de ilustracións e carteis a favor da investigación da enfermidade de Dent

O ilustrador, historietista e cabeza do Garaxe Hermético, Kiko da Silva organiza unha poxa solidaria de ilustracións e carteis a favor da investigación da enfermidade de Dent.

Trátase dunha colaboración coa asociación Art for Dent, formada por varias familias de Galicia e Asturias, unidas para loitar contra esta doenza minoritaria que afecta gravemente os riles dos seus fillos. Desde a arte e a cultura, todo o que fan é para dar visibilidade e conseguir fondos para a investigación da enfermidade de Dent.

Non é a primeira ocasión na que Kiko da Silva apoia a esta asociación, en xullo de 2020, en colaboración coa empresa ReiZentolo fixo a camiseta solidaria “Relo” coa que moitas outros personaxes coñecidos mostraron o seu apoio.

Para esta poxa que impulsa agora, Kiko da Silva implicou a moitos outros nomes do mundo da ilustración como Miguel Anxo Prado, Amelia Navarro, Luz Beloso, Ricardo Peregrina, MEL, Julio A. Serrano ou Ángel de la Calle, que se animaron a colaborar nesta poxa solidaria.

Destaca tamén a colaboración doutros ilustradores como David Despau, recoñecido ilustrador internacional que traballou para prestixiosas revistas como Time, The New Yorker,… e recentemente recoñecido como un dos ilustradores internacionais máis influentes da última década. E tamén contan coa achega de Xosé Vizoso, unha persoa que revolucionou a historia gráfica de Galicia sendo, por máis de 40 anos, deseñador e alma de Sargadelos, creador dos carteis máis emblemáticos das festas de Galicia, ilustrador de portadas de Edicións O Castro, muralista etc.

Desde Art for Dent agradecen esta iniciativa solidaria e artística para apoiar a investigación desta enfermidade rara renal que necesita moitos fondos para seguir adiante.

A poxa estará operativa ata o próximo 30 de xaneiro de 2024, data na que se celebra en Galicia o Día da Ilustración, coincidindo co día do nacemento de Castelao.

 

Ver noticia