29 Mar Cheo total na gala da recanteira Ruth Cundíns en apoio á enfermidade de Dent
A casa da cultura de Bertamiráns acolleu o espectáculo Puedes llegar, promovido e interpretado pola artista brionesa Ruth Cundíns, gañadora do concurso Recantos de Ouro, do Luar. Foi unha gala musical e solidaria que pretende visibilizar desde a música e a arte a enfermidade de Dent, unha doenza minoritaria que afecta gravemente os riles, e que logrou encher o auditorio.
Nesta iniciativa colaboran Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent) e mailos Concellos de Ames e Brión. A citada entidade está formada por cinco familias de nenos que padecen a enfermidade de Dent. Catro delas son galegas; de Brión, Muros, Lugo e Pontevedra, e a quinta reside en Oviedo. Ao espectáculo deste pasado sábado asistiron as familias de Brión, Lugo e Pontevedra; os rexedores maianos; concelleiros e tamén o xefe do Nefrochus, Miguel A. García (laboratorio de xenética das enfermidades renais do Instituto de Investigación Sanitaria).