01 Jun Abraham Cupeiro recada en Bertamiráns 4.500 € para a enfermidade de Dent cun concerto solidario
– Destinaranse integramente á investigación da enfermidade
– A actuación enmarcase no festival que terá lugar o día 21 de xuño
A música, a emoción e a solidariedade protagonizaron unha noite inesquecible este venres no auditorio de Bertamiráns (Ames). A celebración do concerto solidario Resoando no pasado, protagonizado polo músico galego Abraham Cupeiro contou cun cheo absoluto e un público completamente entregado ca causa: a investigación da enfermidade de Dent, unha patoloxía minoritaria que afecta gravemente aos rils.
Desde o primeiro momento, o músico de Sarria cautivou aos asistentes coa súa proposta única, baseada en recuperar instrumentos ancestrais para darlle nova vida no presente. A combinación de sons antigos cunha interpretación fondamente contemporánea creou unha atmosfera máxica que tocou o corazón de todas as persoas presentes. Ademais, o concerto fixo partícipe ao público en diferentes momentos, creando unha experiencia colectiva e profundamente humana.
Grazas á venda de entradas e aos discos doados de forma altruístra polo propio Cupeiro, conseguiuse recadar un total de 4.500 euros, que se destinarán integramente para a investigación da enfermidade.
Un dos momentos máis emotivos da velada chegou ao remate do concerto, cando Fernando Yáñez, un dos membros fundadores da entidade Art for Dent, lle entregou ao músico un retrato de grandes dimensións como agradecemento pola súa implicación.
Ademais, dende a propia Art for Dent destacaron o seu «profundo agradecemento» a Cupeiro «pola súa cercanía, o seu cariño e o seu compromiso coa nosa causa». «A súa actuación foi un agasallo para os sentidos e un impulso de esperanza para todas as persoas que convivimos con esta enfermidade», engadiron.