23 May Regresa tras un ano de parón a Ames o festival solidario para recadar fondos contra a enfermidade de Dent
Será o 21 de xuño dende as 17.00 horas no parque do Ameneiral de Bertamiráns
O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu onte a presentación da cuarta edición do Fest for Dent, festival solidario que recada fondos para a investigación da enfermidade de Dent e que está organizado pola entidade Art for Dent, Culturactiva e o restaurante Onde Keiras, coa colaboración dos Concellos de Ames e Brión.
Este ano, o festival celebrarase o sábado 21 de xuño, a partir das 17.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e a programación anunciarase nas vindeiras semanas. Ademais da programación do propio festival, nesta edición cóntase cun concerto de Abraham Cupeiro o venres 30 de maio, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Na presentación do festival participaron o alcaldes de Ames, Blas García, e Brión, Pablo Lago; a cofundadora de Art for Dent, María Castelao; a condutora do festival, Leti da Taberna; o vogal da Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López; Fran Rei, de Culturactiva S. Coop. Galega; Manuel Rey, do restaurante Onde Keiras; e Alberto Álvarez, técnico de Cultura de Brión.
María Castelao, destacou o carácter «100% solidario» do festival e avanzou que «vai ser un espazo aberto, non vai haber unha entrada, a xente que veña tomar algo, a mercar unha pulseira, unha camiseta, vai colaborar». «Se non pelexamos nós, non se faría nada por esta investigación», engadiu, recordando que o seu fillo é un dos afectados pola enfermidade.
Na mesma liña se pronunciou o alcalde de Brión. «Non deberíamos estar nós aquí loitando por investigar para estas cousas, pero non nos queda outra», sinalou Pablo Lago.
Pola súa banda, Blas García, destacou o traballo realizado por Art for Dent, «porque é unha asociación distinta, polo tipo de actividade que fai, polo seu nome, vinculada á arte, e sobre todo á cultura».